Image Image Image Image Image

TwitterFacebookLinkedin

Scroll to Top

To Top

» Febre (novela galego)

Febre (novela galego)Febre (novela galego)Febre (novela galego)

On 02, Oct 2014 | No Comments | In | By Héctor Carré

Febre (novela galego)

FEBRE, a miña segunda novela, deume moitas satisfaccións.

Eu intentei facer unha novela para todos os públicos. Non creo que os rapaces de dezaseies anos teñan que ler outra literatura que a que lles guste. No mundo anglo saxón chámanlle a estes libros literatura para “young adults”, o que en definitiva é literatura para adultos, aínda que novos.

Esta historia naceu como un guión de cine dedicado a un público adulto, máis como era demasiado cara de facer, decidín convertela nunha novela. Como a protagonista era unha moza, crin que podería ser considerada apropiada para un público novo e dado que nos concursos literarios dan cartos aos premiados, presenteime…

 

Febre portada comp

Cando pensei en facer un  “trailer” para Febre escribin isto:

Que se pode esconder nun bosque escuro?

Por que os homes arriscan a vida escarvando na terra como toupas?

Que busca o terceiro reich na Galiza dos anos 40?

Onde tivo lugar a batalla do Atlántico?

Que é o que hai que celebrar nos tempos da posguerra?

Que querían as mozas e os mozos deses tempos?

Que lle agocha un pai á súa filla?

Que pode facer unha muller nun mundo de homes?

Aventura, medo, violencia, amor, cobiza, sexo, inxustiza, amizade, vinganza…

Febre…

 

A loita dunha rapaza contra a inxustiza dunha sociedade corrupta.

 


A novela pode comprarse  en papel neste enderezo:

http://www.xerais.es/libro.php?id=1702346

A versión electrónica en ePub neste outro:

http://www.xerais.es/libro.php?id=3828784


Febre contraportada compEsta é a contraportada da edición en tapas duras. A novela ademais do premio Xeraisde literatura xuvenil, tamén recibiu  o premio fervenzas literarias á mellor novela xuvenil do ano. Pero máis aló dos premios, foi un pracer falar cos rapaces nos institutos e comprobar que a eles tamén lles gustaba.

 

Aquí podedes ver unha fila de “young adults” que esperaban para que lles firmase o seu exemplar.

 

Firmas Febre

No IES Porto do Son ata me fixeron unha entrevista


Mesmo a crítica fala ben da novela. Vede esta publicada na web Bouvard e Pécuchet

Héctor Carré ofrécenos nesta Febre unha novela que entra no eido da chamada narrativa xuvenil, mais que, gozosamente, non cumpre un dos requisitos tópicos deste tipo de literatura: a chamada corrección pedagóxica e política, que converte moitos dos textos presuntamente dirixidos aos nosos adolescentes nunha colección de mexericadas e ata lles estraga o gusto pola literatura de verdade aos nosos estudantes de Secundaria.

Carré escribe unha novela dirixida a un público xuvenil onde non se oculta o sexo, o acoso sexual, a persecución machista do homosexual ou a ignominia da prostitución. Isto non adoita aparecer na narrativa xuvenil tan obsesionada polo mantemento da corrección política e pedagóxica.

O relato presenta os ingredientes propios da chamada narrativa xuvenil como un argumento ben construído e que mantén a atención do lector, aventuras abundantes ou mesmo temas do gusto dos rapaces como pode ser o enfrontamento xeracional cos pais. O desenlace, baseado na anagnórese de personaxe, tamén é un recurso ben utilizado.

Pero gústanos que a novela de Carré non se quede no estritamente xuvenil e realmente estamos ante un relato entretido que pode ser degustado por un lector adulto. Non debe restrinxirse esta novela ao eido da literatura xuvenil, malia que se publique nunha colección destinada a este sector.

O autor asimilou moi ben as técnicas do cine e da novela negras. Os personaxes, os ambientes de luces e sombras de cafés e prostíbulos, mesmo un certo gusto polo mal ao xeito de Baudelaire, aparece ben nestas páxinas. Lémbranos nalgúns momentos o mellor expresionismo do cine negro. Tamén a existencia dunha moral de seu nos personaxes que está por enriba dos códigos éticos convencionais ou mesmo das leis.

Estamos así mesmo ante unha novela que podemos situar no subxénero da novela da memoria, pois recrea os tempos da Segunda Guerra Mundial en Galicia nas zonas en que se sofre a febre do volframio. A corrupción e a hipocrisía do primeiro franquismo están moi ben deseñadas no relato.

É un acerto, malia o que poida ter de idealista, a protagonista da novela, Carmucha. O autor consegue que, montada á cabalo ou conducindo un coche nos primeiros corenta, que a visualicemos como unha desas heroínas do cine que procuran ser iguais aos homes. Non é en van que Carmucha teña no seu cuarto unha foto de Katherine Hepburn.

Moi de salientar é así mesmo a boa recreación paródica que o novelista fai da linguaxe franquista, na boca do alcalde falanxista Severo e mais dos seus camaradas.

Xa que logo, novela xuvenil, mais tamén unha boa novela da memoria histórica con trazos de novela negra e influencias cinematográficas con eses ambientes de cafés, casinos, prostíbulos e espías. Recrea dun xeito acertado a febre do volframio na Galicia dos anos da Segunda Guerra Mundial. Daquela, boa lectura para os rapaces (aínda que sexa pedagoxicamente incorrecta, ou precisamente por iso), mais tamén para os adultos que queiran gozar cunha narración ben levada, cun desenlace sorpresivo e onde a historia e a imaxinación aparecen ben mesturadas.

Para rematar, só quero salientar a definición que realiza Félix-Valentín sobre o que é unha novela da memoria histórica. Sobre os feitos históricos que relata , contesta o devandito personaxe-narrador: Algúns vinos eu mesmo, outros contáronmos e outros imaxineinos ao longo dos anos, de tanto pensar neles (páx. 281). Novelas coma esta de Carré, reconstrúen a historia, pois onde non chegou o documento, a imaxinación, dentro dos límites da verosemellanza, pon o resto.

Manuel Rodríguez Alonso


 

 

Submit a Comment